Thursday 28 de March de 2024

O Concello busca mellorar o control das súas augas residuais coa creación dunha ordenanza de saneamento


· A proposta levarase este venres a pleno xunto coa modificación do ICIO e a concesión da ocupación do monte ‘Brañas Verdes’.

O goberno local de Camariñas levará este venres, 26 de novembro, a pleno a aprobación inicial dunha ordenanza de saneamento, que se deseñou para adaptarse ao regulamento vixente e co obxectivo de mellorar o control das augas residuais que se verten á rede e aos colectores de titularidade municipal.

Este texto persegue os seguintes fins: adecuar a calidade da auga dos efluentes da EDAR municipal ao medio receptor, previr danos ou alteracións que poidan reducir ou anular a eficacia dos procesos de tratamento da estación depuradora, garantir o bo funcionamento de todas as infraestruturas, evitar poñer en risco a saúde de traballadores e poboación, posibilitar a reutilización das augas residuais, evitar emisións incontroladas á atmósfera e que os lodos de depuración teñan concentracións de contaminantes que non permitan o seu aproveitamento.

Por outra banda, o goberno local levará tamén a pleno unha proposta para actualizar o Imposto de Instalacións, Construcións e Obras (ICIO) e igualalo así ao porcentaxe que se aplica nos municipios colindantes, pasando dun 2% a un 3%.

A día de hoxe Camariñas ten o ICIO máis baixo que concellos como Vimianzo (3%), Zas (chega ao 4% nalgúns tramos), Cabana (preto do 3%), Muxía (3%) e Laxe (3,5%). “Realizar esta modificación vai a ser moi importante para a execución de novos investimentos que redunden na mellora da calidade de vida da cidadanía”, destacou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, que puxo o exemplo de que “de cara ao veciño, se orzamentase en 2.500 euros o pintado dunha fachada, a licencia custaría 75€ despois deste cambio”.

Ademais, na sesión plenaria tratarase a petición da Consellería de Medio Rural da concesión de ocupación temporal por prazo de 30 anos do monte ‘Brañas Verdes’ por parte de Electra del Gayoso para a repotenciación da liña eléctrica que dá servizo a lugares de Brañas Verdes, Pescadoira, A Cancela, Brea, Lamastredo, Santa Mariña, Arou e outros da contorna.